Sede electrónica Concello de Teo

06:58:54 Mércores 5 de febreiro 2025

Información

SECRETARIA

27/12/2024

APROBACIÓN DEFINITIVA REGULAMENTO FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE TAXI NO CONCELLO DE TEO

EXP: 2024/G013/000003

ANUNCIO

Anuncio aprobación definitiva da modificación do Regulamento de funcionamento do servizo de taxi no Concello de Teo

 

O Pleno municipal, na sesión ordinaria celebrada o 30 de outubro de 2024, acordou aprobar inicialmente a modificación do Regulamento de funcionamento do servizo de taxi no Concello de Teo e sometelo a información pública.

Sometido o expediente a información pública, durante trinta días, mediante anuncios publicados no BOP (nº 214 de 06/11/2024), no taboleiro de anuncios do Concello, no taboleiro da sede electrónica, na web e no portal de Transparencia, non se presentou reclamación nin suxerencia algunha, polo que, de acordo co artigo 49 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LRBRL), e de conformidade co acordo plenario adoptado, enténdese definitivamente aprobada a modificación do Regulamento.

De conformidade co establecido no artigo 70.2 da LRBRL, procédese á publicación íntegra do Regulamento modificado, que entrará en vigor tras a súa publicación e unha vez transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, de 2 de abril.

 

Teo, 23 de decembro de 2024

A alcaldesa

 

Lucía Calvo de la Uz

 

ANEXO

REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE TAXI NO CONCELLO DE TEO

NORMAS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto e fundamento legal

É obxecto deste Regulamento dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria décima da Lei 4/2013, de 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia e establecer unha ordenación do transporte de viaxeiros realizado por persoas físicas en vehículos de turismo, que contan con signos distintivos de taxi, e realízanse por conta allea no concello de Teo, mediante retribución económica suxeita a tarifa, e dispoñendo dos correspondentes títulos habilitantes para a prestación do servizo, ao amparo do citado texto legal.

Para o non previsto neste Regulamento, ademais da Lei 4/2013, do 30 de maio, serán de aplicación a Ordenanza Fiscal Reguladora de Taxa por licenzas de autotaxi e demais vehículos de aluguer do concello de Teo, así como as restantes normas de réxime local e autonómicas de aplicación.


 

Artigo 2.- Ámbito de aplicación

A intervención da administración municipal cínguese á regulación dos taxis no concello de Teo, de acordo co artigo 8 do presente Regulamento.

LICENZAS

Artigo 3.- Licenzas

A prestación do servizo de taxi está suxeita a obtención previa dos correspondentes títulos administrativos que habiliten aos seus titulares a exercer dita actividade. Cada licenza terá un só titular e estará adscrita a un vehículo concreto.

As licenzas outorgaranse sen prazo de duración prefixado, se ben a súa validez quedará condicionada ao cumprimento dos requisitos esixidos así como ao establecido no artigo 18 da Lei 4/2013.


 

Artigo 4.- Outorgamento de licenzas

O outorgamento de licenzas de taxi virá determinado, en todo caso, pola necesidade e pola conveniencia do servizo a prestar ao público atendendo á caracterización da oferta e da demanda existente, así como polo mantemento da calidade do servizo e pola sustentabilidade na súa explotación, dentro dos límites establecidos no artigo 6 da Lei 4/2013 e no presente Regulamento.

As licenzas serán outorgadas polo concello, mediante concurso público, ao cal poderán presentarse as persoas que cumpran os requisitos para ser titulares de licenzas de taxi.

Na convocatoria do concurso faranse constar os criterios de adxudicación, entre os que se valorará de modo preferente a antigüidade como condutor/a de taxi, a dedicación previa á profesión de taxista e que o vehículo turismo que se pretenda adscribir á licenza de taxi sexa adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida durante o tempo mínimo que se estableza na dita convocatoria, de ser o caso.

O Pleno da Corporación establecerá un número de licenzas en función da poboación, de acordo co establecido no artigo 6 da Lei 4/2013.

Non se poderá ser titular de máis dunha licenza de taxi nin ser titular de licenzas de taxi en distintos concellos, de conformidade co artigo 9 da Lei 4/2013.

As licenzas de taxi poderán ser suspendidas temporalmente por un período máximo de dous anos, a solicitude do titular, cando teña que deixar de exercer a actividade temporalmente por causa xustificada, ou de oficio, no caso de transmisións forzosas, cando a persoa adxudicataria carecese dos requisitos esixidos para ser titular, atendendo ás condicións establecidas no artigo 11 da Lei 4/2013.


 

Artigo 5.- Transmisión das licenzas

A licenza de prestación do servizo de taxi será transmisible en calquera persoa física que o solicite e acredite que cumpre cos requisitos para ser titular desta, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 4/2013, non considerándose esta transmisión como outorgamento de novos títulos.


 

Artigo 6.- Habilitación para a prestación do servizo

Os condutores dos vehículos adscritos ao servizo deberán estar en posesión da correspondente habilitación para a prestación do servizo, para o que deberán obter o permiso municipal de condutor expedido polo Concello de Teo, así como a autorización interurbana de taxi.

Os titulares das licenzas teñen a obriga de explotalas persoalmente ou mediante a contratación de condutor asalariado, que deberán figurar a xornada completa e con dedicación exclusiva, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria terceira da Lei 4/2013.

En todo caso, cada licenza non poderá ter adscritas máis de dúas persoas condutoras, incluída a persoa titular.


 

Artigo 7.- Permiso municipal de condutor

O permiso municipal de condutor será concedido polo Concello, a solicitude do interesado, que deberá reunir as seguintes condicións:

  1. Estar en posesión do carné de conducir expedido pola Xefatura de Tráfico, coa categoría esixida polo código de circulación para conducir vehículos de servizo público.

  2. Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa ou impedimento físico que imposibilite ou dificulte o normal exercicio da profesión.

  3. Declaración de no atoparse incurso nalgunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade que lle impida contratar coa administración pública.

  4. Dúas fotos de tamaño carné e copia autenticada do D.N.I.


 

DOS VEHÍCULOS

Artigo 8.- Vehículos

Con carácter xeral, as licenzas de taxi outorgaranse para vehículos cunha capacidade mínima de cinco e máxima de sete prazas, incluída a persoa condutora. Non obstante, previa motivación da súa necesidade e conveniencia, poderán autorizarse vehículos de ata nove prazas, incluída a da persoa condutora.

En todo caso, os vehículos contarán cun espazo dedicado a maleteiro, totalmente independente e diferenciado do habitáculo destinado á pasaxe.

Para as novas licenzas outorgadas a partires da entrada en vigor do presente Regulamento, e as renovacións de vehículos xa adscritos ao servizo, os vehículos destinados á prestación do servizo de taxi no concello de Teo deberán ser de cor branca, sen prexuízo do establecido no artigo 27.1 da Lei 4/2013.

Os vehículos poderán ser reemprazados por outros, previa autorización do Concello, sempre que o vehículo que reemprace ao anterior fose novo e reunise as condicións esixidas para a prestación do servizo.

Haberán de constar de maneira visible na parte central das portas dianteiras do vehículo polo exterior o escudo do concello de Teo. Do mesmo xeito, haberá de amosarse no exterior do vehículo, e nunha placa no interior, o número de licenza de taxi ó que se encontre afecto.

Os vehículos adscritos ó servizo irán provistos sempre da seguinte documentación:

  1. Licenza municipal e autorización interurbana de taxi

  2. Permiso municipal de persoa condutora

  3. Permiso de circulación do vehículo

  4. Documentación acreditativa das revisións obrigatorias do vehículo

  5. Seguros esixibles legalmente

  6. Follas de reclamacións

  7. Cadro de tarifas oficiais

Todos os vehículos adscritos ao servizo deberán estar dotados de taxímetro e dun módulo luminoso exterior que sinale claramente, de acordo coa normativa técnica de aplicación, tanto a dispoñibilidade do vehículo para prestar o servizo como a tarifa que resulte de aplicación.

O Concello de Teo promoverá, en colaboración coas asociacións profesionais representativas do sector do taxi e o Consello Galego de Transportes, a progresiva implantación das innovacións tecnolóxicas precisas para mellorar as condicións de prestación e seguridade dos servizos de taxi e das persoas condutoras, a incorporación de sistemas automáticos de pagamento e facturación do servizo, sistemas de navegación, a progresiva redución das emisións sonoras dos vehículos, a potenciación de vehículos de baixa contaminación, a optimización da reciclaxe dos materiais empregados e calquera outra innovación que se introducise no sector.


 

Artigo 9.- Publicidade

O concello de Teo poderá autorizar aos titulares da licenzas de taxi, a colocación de anuncios publicitarios no exterior dos vehículo sempre que se conserve a súa estética, non impidan a visibilidade nin xeren perigo.

A estes efectos, os titulares das licenzas deberán solicitar a correspondente autorización, que, no seu caso, se concederá de forma individualizada para cada licenza municipal.

As autorizacións para a colocación de anuncios publicitarios resolveranse pola alcaldía e, no seu caso, outorgaranse con suxeición á lexislación vixente en materia de publicidade, tráfico e seguridade viaria, prohibíndose en todo caso toda publicidade sexista ou que atente contra os dereitos das persoas.

A publicidade do servizo de taxi en espazos públicos estará limitada aos soportes municipais dispostos a tal efecto polo Concello nas paradas de taxi ou a aqueles outros que, previa petición, sexan autorizados expresamente por aquel.


 

Artigo 10.- Organización do servizo

Os condutores están obrigados a seguir o traxecto máis curto para chegar ao destino indicado polo pasaxeiro. A persoa condutora pode denegar a prestación do servizo de taxi cando fora solicitado para finalidades que se presuman racionalmente como ilícitas ou cando concorran circunstancias especiais de risco para a seguridade e a integridade física das persoas ou do vehículo.

Para a prestación do servizo os vehículos situaranse por orde de chegada nas paradas de estacionamento dos vehículos determinadas polo Concello que se relacionan no ANEXO I deste Regulamento. Os vehículos non poderán permanecer nas paradas sen o seu condutor.

As paradas estarán debidamente sinalizadas, rotuladas polo Concello, e nas mesmas figurarán os teléfonos facilitados polos titulares das licenzas.

Cando os usuarios acudan ás paradas para solicitar o servizo, deberán dirixirse ao vehículo situado en primeiro lugar, respectando a orde de chegada.

Se non hai ningún vehículo na parada e un usuario solicita o servizo a través de chamada telefónica, o taxi deberá recollelo na parada sen custe adicional.

Os servizos contratados por mediación de centrais de radiotaxi ou sistemas tecnolóxicos equivalentes, consideraranse iniciados no lugar e momento no que o vehículo recibise o encargo de prestar o servizo.

En todo caso, o importe máximo do taxímetro no momento da recollida efectiva da persoa usuaria non poderá superar o importe correspondente ao mínimo establecido para o inicio do servizo, en cumprimento co establecido no artigo 32 da Lei 4/2013.


 

Artigo 11.- Tarifas

As tarifas de aplicación aos servizos urbanos de taxi serán as fixadas polo Concello de Teo e as tarifas aplicables aos servizos interurbanos serán fixadas pola consellería competente en materia de transporte da Xunta de Galicia, cumprindo co establecido no artigo 40 da Lei 4/2013.


 

INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 12.- Infraccións

Considerarase infracción calquera acción ou omisión que contraveña o establecido neste Regulamento e restantes normas de aplicación, a título de dolo, culpa ou simple inobservancia.

A responsabilidade administrativa polas infraccións das normas reguladoras do transporte de persoas en vehículos turismo corresponderá:

  1. Nas infraccións cometidas con ocasión da realización de servizos de taxi amparados nos preceptivos títulos habilitantes, ao seu titular.

  2. Nas infraccións cometidas con ocasión de servizos de taxi realizados ao amparo de títulos habilitantes expedidos a nome doutras persoas, á persoa física que empregue ditos títulos, salvo que esta última demostrase que non deu o seu consentimento.

  3. Nas infraccións cometidas con ocasión de servizos de taxi realizados sen a cobertura do correspondente título habilitante, á persoa que tivera atribuída a facultade de uso do vehículo, ben sexa a título de propiedade, aluguer, arrendamento financeiro, renting ou calquera outra forma admitida pola lexislación vixente.

  4. Este réxime de responsabilidade aplicarase tamén ás infraccións que consistan na difusión de ofertas comerciais para a realización de actividades para as cales non se contase co preceptivo título habilitante.

  5. Nas infraccións cometidas pola persoas usuarias e, en xeral, por terceiros que, sen estar comprendidos nos apartados anteriores, realizasen feitos que supoñan infraccións contempladas no presente Regulamento, á persoa física ou xurídica á que vaia dirixido o precepto infrinxido ou á que a disposición correspondente asigne especificamente a responsabilidade.

A responsabilidade administrativa esixirase ás persoas físicas ou xurídicas ás que se refire o apartado anterior, sen prexuízo de que estas poidan deducir as accións que resultasen procedentes contra as persoas ás que sexan materialmente imputables as infraccións.

As infraccións poderán cualificarse de moi graves, graves e leves.


 

Artigo 13.- Infraccións moi graves

Consideraranse infraccións moi graves:

  1. A realización de servizos de taxi carecendo dos preceptivos títulos habilitantes ou cos mesmos suspendidos, anulados, caducados, revogados, sen ter realizado o visado obrigatorio, ou por calquera outra causa ou circunstancia pola que as referidas habilitacións expedidas para exercer a actividade xa non sexan válidas. No suposto de que a infracción consistise na falla de visado obrigatorio e este se tivese realizado con anterioridade á data de resolución do procedemento sancionador, a infracción terá a cualificación de leve.

  2. Prestar os servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo mediante un condutor ou condutora que non estea debidamente autorizado para a condución e habilitado para a prestación do servizo.

  3. A cesión ou transmisión, expresa ou tácita, dos títulos habilitantes por parte dos seus titulares a favor doutras persoas sen a preceptiva autorización.

  4. O falseamento dos documentos que tiveran que ser presentados como requisito para a obtención dos títulos habilitantes ou dos datos que haxan de figurar en ditos títulos habilitantes.

  5. A negativa ou obstrución á actuación dos servizos de inspección que impedise o exercicio das funcións que legal ou regulamentariamente teñan atribuídas.

  6. O incumprimento, por parte do titular do vehículo, da obriga de subscribir os seguros preceptivos.

  7. O incumprimento das obrigas de prestación do servizo de taxi impostas pola administración competente na materia.

  8. Non levar o aparello taxímetro no caso de que este fora esixible, a manipulación do mesmo, facelo funcionar de xeito inadecuado ou impedir á súa visibilidade á persoa usuaria, así como cantas accións tiveran por finalidade alterar o seu normal funcionamento, e a instalación de elementos mecánicos, electrónicos ou doutra natureza destinados a alterar o correcto funcionamento do taxímetro ou modificar as súas medicións, aínda cando este non se atopase en funcionamento no momento de realizarse a inspección.

  9. A responsabilidade por dita infracción corresponderá tanto ás persoas que tivesen manipulado o taxímetro ou colaborado na súa manipulación como ao taxista que o teña instalado no seu vehículo.

  10. A prestación de servizos de transporte de persoas con vehículos que incumprisen as condicións técnicas sobre accesibilidade de persoas con mobilidade reducida que en cada caso se determinen, sempre que o vehículo sexa un taxi adaptado.

  11. Prestar o servizo cun número de ocupantes do vehículo que supere o número de prazas autorizadas, de conformidade coa normativa vixente.

  12. A realización de servizos de transporte de persoas mediante cobro individual, agás nos casos en que estivese expresamente autorizado.


 

Artigo 14.- Infraccións graves

Considéranse infraccións graves:

  1. Carecer do preceptivo documento no que deben formularse as reclamacións das persoas usuarias ou negar ou obstaculizar a súa disposición ao público.

  2. Non atender a solicitude a unha demanda de servizo de taxi por parte dunha persoa usuaria estando de servizo, ou abandonar un servizo antes da súa finalización, salvo que existisen causas xustificadas de perigo fundado para a persoa condutora ou para o vehículo de turismo.

  3. A realización de servizos de transporte iniciados nun termo municipal distinto do que corresponde á licenza de taxi, agás nos supostos legalmente exceptuados.

  4. Incumprir o réxime de tarifas vixente para o servizo de taxi.

  5. A prestación de servizos con vehículos distintos aos identificados adscritos ás licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi, agás os casos de reemprazo debidamente autorizados, así como o incumprimento do ámbito territorial de ditos títulos habilitantes.

  6. A realización de servizos de taxi por itinerarios inadecuados que foran lesivos economicamente para os intereses da persoa usuaria ou desatendendo as súas indicacións sen causa xustificada de perigo para a persoa condutora ou danos para o vehículo turismo.

  7. Levar a cabo servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo sen levar a bordo a documentación acreditativa necesaria para controlar a legalidade do transporte.

  8. A retención de obxectos abandonados no vehículo sen dar conta á autoridade competente.

  9. Non dispoñer dos cadros de tarifas e do resto de documentación que tivera que exhibirse para o coñecemento das persoas usuarias.

  10. O trato desconsiderado aos clientes, así como a non prestación do servizo nas condicións de hixiene e/ou calidade esixibles.

  11. Calquera das infraccións previstas como moi graves, cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancia non haxa de ser cualificada como moi grave.


 

Artigo 15.- Infraccións leves

Considéranse infracción leves:

  1. Non levar en lugar visible os distintivos que foran esixibles ou levalos nunhas condicións que dificulten a súa percepción ou facer un uso inadecuado deles.

  2. Non respectar os dereitos das persoas usuarias establecidos na Lei 4/2013.

  3. Non levar a bordo do vehículo a documentación formal que acredite a posibilidade legal de prestar o servizo, sempre que se dispuxera da mesma.

  4. Incumprir as normas que puideran establecerse sobre publicidade nos vehículos de turismo.

  5. A carencia no vehículo do letreiro que indique a existencia de follas de reclamacións.

  6. Non entregar o recibo ou factura do servizo prestado ás persoas usuarias, se estas o solicitasen, ou entregarlles un recibo ou factura que non cumpra cos requisitos establecidos pola normativa de aplicación.

  7. O incumprimento polas persoas usuarias dos deberes que lles correspondesen.

  8. Non levar a placa relativa á súa condición de vehículo de servizo público.

  9. A carencia de cambio de moeda metálica ou billetes ata a cantidade que estea regulamentariamente establecida.

  10. Non expoñer ao público os cadros de prezos autorizados ou telos en lugares non visibles.

  11. Calquera infracción das que teñen consideración de graves cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancia non haxa de ser cualificada como grave, debendo xustificarse a existencia de ditas circunstancias e motivarse na resolución correspondente.


 

Artigo 16.- Sancións

Polas infraccións que se cometan poderán impoñerse as seguintes sancións:

  1. Por falta leve: multa de ata 400€.

  2. Por falta grave: multa dende 401 ata 2.000€.

  3. Por fata moi grave: multa dende 2.001 ata 6.000€, e a posibilidade de declarar a caducidade do título administrativo habilitante.

Todo isto, sen prexuízo das circunstancias condicionantes previstas no artigo 63 da Lei 4/2013.

A competencia para a imposición das sancións previstas neste Regulamento corresponderá ao alcalde no caso das faltas leves ou graves, e ao Pleno no caso das moi graves.


 

Artigo 17.- Procedemento sancionador

O procedemento sancionador iniciarase de oficio ou a instancia de parte, de conformidade co previsto na Lei 30/92, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, e de acordo co Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado por Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto.


 

Disposición final.

En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.


 

Disposición transitoria.

As licenzas outorgadas polo concello de Teo para a prestación do servizo de vehículos de aluger con condutor, autoturismos clase-B, con anterioridade á entrada en vigor da Lei 4/2013, consideraranse a todos os efectos equiparadas ás licenzas de taxi que habilitan para a prestación do servizo urbano de taxi, salvo o disposto na disposición transitoria 4ª do citado texto legal.


 

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o “Regulamento municipal para a prestación do servizo de vehículos de aluguer con condutor-taxis” (BOP nº 11, de 16 de xaneiro de 2013 e BOP nº 3 de 7 de xaneiro de 2014).

 

ANEXO I

Localización de paradas

  1. Urbanización Os Tilos (Rúa Carballo)

  2. Montouto (Travesía de Montouto)

  3. Montouto (Mámoas de Montouto)

  4. Cacheiras (Travesía de Cacheiras)

  5. Ramallosa (Rúa da Lagoa)

  6. Casalonga (Travesía da Casalonga)

  7. Reborido (Travesía de Reborido)

  8. O Vilar de Calo (Estrada Milladoiro-Solláns)

  9. Lugar de A Ribeira, parroquia de Reis, no contorno do Centro de saúde

 


Xustificantes de Publicación: