CONSULTA PÚBLICA: Ordenanza reguladora da recollida de RSU no Concello de Teo
EXP: 2026/G013/000001
CONSULTA PÚBLICA SOBRE:
ORDENANZA REGULADORA DE XESTIÓN DE RESIDUOS MUNICIPAIS NO CONCELLO DE TEO
O concello de Teo en manifestación do principio de autonomía local e da potestade regulamentaria quere iniciar a elaboración dunha ORDENANZA REGULADORA DE XESTIÓN DE RESIDUOS MUNICIPAIS NO
CONCELLO DE TEO.
De conformidade co artigo 133 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas co obxectivo de mellorar a participación dos cidadáns no procedemento de elaboración das normas, solicítase a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representantivas potencialmente afectados pola futura norma acerca de:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa: A presente ordenanza ten por obxecto regular o depósito, a recollida, o almacenamento, o transporte, a valorización, o tratamento e a eliminación dos residuos domésticos ou urbanos xerados no termo municipal.
b) Necesidade e oportunidade da súa aprobación: regular o servizo co fin de garantir as condicións adecuadas de salubridade pública, benestar cidadán, limpeza e ornato do espazo público, contribuíndo á debida protección da saúde das persoas e do medio ambiente.
c) Os obxectivos da norma: pretende fomentar comportamentos e actitudes encamiñadas a manter o municipio limpo e a promover a prevención na xeración de residuos, a súa redución, reutilización, reciclaxe e outras formas de valorización, de acordo cos principios da economía circular e da sustentabilidade ambiental
d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias .No exercicio das competencias municipais, a presente ordenanza desenvolve a lexislación estatal e autonómica en materia de residuos e de réxime local
Os cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos durante o prazo de dez días ( a contar dende o día seguinte ao de publicación do presente anuncio na web municipal e na sede electrónica municipal ( a súa presentación en calquera dos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas)
Publícase a efectos do artigo 133.2 da Lei 39/2015 un borrador inicial co obxectivo de dar audiencia os cidadans afectados e recabar cantas aportacións adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades .